
A compañía de teatro Os Quinquilláns representou para os alumnos da ESO e Bacharelato a obra “Cousas” baseada no libro homónimo de Daniel Castelao. Polo escenario do salón de actos desfilaron as historias do pai de Migueliño, do Rifante, de Panchito, da Marquesiña, de Martiño e doutros personaxes tan ben descritos nas súas inquedanzas e teimas polo polifacético autor rianxeiro.
Durante unha hora os actores Lucho Penabade e Tero Rodríguez invitaronnos a un reencontro coa sociedade galega de principios do século XX. Desenvolvéronse historias onde atopamos os medos, as vergoñas, as esperanzas e desesperanzas das xentes da Galicia mariñeira e labrega. Inxustizas, ilusións, testemuñas de honestidade e amor trufadas coa retranca e humor negro tan característico do noso pobo.
Esta iniciativa artística foi o remate dun traballo programado dende a área de Lingua Galega para coñecer a figura literaria de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, e os costumes e tradicións dunha sociedade galega de hai unhas cantas décadas e que non debemos esquencer. Agradecemos a colaboración da Editorial Galaxia e do grupo de teatro Os Quinquilláns para poder desenvolver este proxecto.