jxm_3_iris_domato.png

Iris Domato, xesuitina polo mundo

jxm_3_iris_domato.png

Aquí temos a tan esperada terceira entrega de Xesuitinos polo mundo.

Esta vez adentrámonos nas lembrazas das mozas e mozos que forman parte das xeracións de xesuitinos da man de Iris Domato, xesuitina polo mundo en Londres. Desexamos que vos guste esta entrevista, seguro que moitos de vos, antiguos e actuáis alumnos, vos sentides identificados con moitas das palabras que Iris nos achega.

E xa sabes, se ti es un xesuitino ou xesuitina polo mundo podes escribirnos a comunicación@miralba.org, esperamos a vosas palabras!!

1. Quen es? (Nome, profesión, estudos, cidade na que resides...)

Meu nome é Iris e son xornalista e estudante de Historia da Arte. A día de hoxe, vivo en Londres e traballo como guía turístico. Fago tours nos que se percorren os principais lugares e monumentos da cidade e tamén polo British Museum.

2. Cantos anos estudaches en Xesuitinas?

Todos os posibles! Entrei no cole en Infantil e marchei ao rematar o Bacharelato... así que 15 anos.

3. Cal foi o teu último curso e en que ano remataches o colexio?

O meu último curso foi segundo de Bacharelato, polo que rematei no 2008.

4. Que é o que lembras con máis cariño do colexio?

Lembro moitas cousas con cariño, a verdade. En termos xerais, diría o feliz que sempre me sentín dentro do cole, as amizades que fixen, os bailes que botei nos playbacks, os xeados que mercaba nos postos de comida que se montaban nas clases de Infantil durante a festa de fin de curso... Pero se tivera que elixir algo en concreto, diría sen dúbida os bailes que faciamos con Esther. Participar dese grupo de rapazas fíxome aprender moito de cada unha delas. Bailar e expresarme co corpo sempre me encantou, e se aínda por riba o facía guiada por unha adestradora coma Esther (miña nai!) pois mellor que mellor.

5. Completa a frase:

- Non es xesuitino se... non cantaches a canción do Mil Albricias mentres axitabas unha campá ou non tes cicatrices permanentes nos xeonllos de caer no patio mentres xogabas. Tampouco creo que sexas xesuitino se nos tempos nos que a zona dos columpios tiña pedras, non levabas unha ducia delas en cada zapato para casa ao rematar o día.

- O meu recuncho favorito do colexio era... o ximnasio grande. Sempre me gustou moito aquel lugar, pois alí pasei moi bos momentos e me sentía moi libre para pendurarme das espaldeiras ou saltar nas colchonetas. Gustábanme moito tamén a biblioteca principal e a biblioteca de libros en galego que levaba Ana María Fernández del Riego.

6. Cando saiches do colexio, que perspectivas de futuro tiñas? Correspóndense co presente?

Cando saín do cole ía coa perspectiva de estudar Xornalismo en Santiago, cousa que rematei facendo. E quería dedicarme a esa profesión, cousa que tamén acabei facendo. Sen embargo, a miña visión sobre o que me gustaría facer laboralmente cambiou bastante dende aquela. Xa hai uns anos que cheguei á conclusión de que eu o que quero é dedicarme á comunicación cultural e ao mundo da arte (museos, galerías...).

7. Con que te quedas do colexio que che leva servido no futuro?

O sentido da solidaridade sentino sempre moi forte no cole, tanto mediante campañas puntuais, coma con proxectos a longo prazo. Creo que é un centro que lle pon especial ilusión a axudar aos demais e iso lévoo gravado.

8. Que fas polo mundo?

Aprender da experiencia de coñecer outra cultura. Sempre que se teña a oportunidade de coñecer outras realidades, creo que hai que aproveitala. Tamén estou tratando de mellorar o meu inglés, que foi un dos motivos polos que viñen a Londres. Ademais esta é unha cidade chea de museos (gratuitos a meirande parte deles!) e eu son moi feliz de poder coller un metro e en media hora estar diante da Cariátide do British Museum ou observando a Venus do espello de Velázquez na National Gallery.

9. Que che levou a exercer a túa profesión? Que é o que máis che enriquece dela?

O de ser guía turístico non entraba nos meus plans iniciais, pero cando vin a oportunidade non o dubidei e quixen probar. Creo que foi un acerto aventurarme a exercer esta profesión. Levo aprendido moito da cidade e da xente que confía en min para percorrela.

10. Un consello para os actuais xesuitinos....

O meu consello é que aproveiten cada segundo que pasen no cole. Algúns dos meus mellores amigos os fixen alí e son persoas que a día de hoxe considero da familia. Tamén creo que, aínda que ás veces da preguiza estudar, hai que aproveitar a educación que se nos ofrece. Aprender proporciona as ferramentas necesarias para poder construir o noso futuro ao noso xeito. Nese sentido creo que cómpre valorar un pouco máis a labor que fan os profesores. Por último, diríalles que se porten ben cos seus compañeiros. Ninguén merece ser rexeitado ou tratado de xeito inadecuado. Pois, ao fin e ao cabo, todos temos sentimentos.

11. Que desexas para o futuro do colexio?

Que siga sendo un centro inclusivo e onde se respeta a diversidade. E tamén que sexa un lugar onde se siga ensinando aos estudantes a ser individuos que, no día de mañá, poidan pensar por si mesmos e respectar aos demais.

12. Algo que engadir?

Simplemente quixera agradecer o arroupada que sempre me sentín no cole e o cariño que recibo cando paso de visita. Non sei que ten, pero eu alí síntome na casa. E moitas gracias por ofrecerme participar desta iniciativa de xesuitinos polo mundo, foi todo un pracer colaborar.

Antiguos alumnos

Canal de antiguos alumnos y alumnas

dibujo_antiguos_alumnos.jpg

Para los altos, para los bajos, para los del 70 para los del 90, para los que rien, para los que lloran, para los que bailan para lo que juegan,…