whatsapp_image_2017_06_08_at_20_25_19_1.jpeg

Saída cultural a Oporto

Estefanía Costas

O pasado xoves, os alumnos de 1º da ESO fomos a Oporto, acompañados dos nosos titores.

Saímos as 9:00 da mañá e chegamos á cidade portuguesa ás 11:00. A esa hora tivemos a primeira visita na "Casa da Música", un lugar onde aprendemos moreas de cousas, non só relacionadas coa música, senon tamén coas matemáticas e a xeometría. A Casa da Música ten forma de poliedro, con dezasete caras e ángulos irregulares. Está formada por diferentes salas compostas por materiais moi sorprendentes, como coxíns no teito, pirámides cuadrangulares de espuma, azulexos portugueses, etc.

A segunda parada foi na "Libraría Llelo", unha das máis famosas de Europa, xa que alí foi  rodada parte da tan famosa película "Harry Potter". Tivemos pouco tempo para visitala, xa que tiñamos que entrar en dous grupos, pero abraiounos todo o que alí vimos. Sacamos moitas fotos e puidemos comprobar a cantidade de libros que alí había.

Despois, tivemos algo de tempo para comer a merenda nun parque que se atopa en fronte da libraría.

Subímonos de novo ao autobús e dirixímonos á exposición de Leonardo Da Vinci.  Puidemos coñecer algunhas das súas invencións e tivemos a oportunidade de probar algunha.

Xa chegadas as 15:00, emprendemos rumbo a Guimaraes, onde xantamos todos xuntos arredor do Castelo. Despois de xantar, collemos a unidade didáctica que nos deran os nosos titores antes de partir rumbo a Portugal, para completala no momento en que descubríramos acontecementos importantes. Tamén tivemos a sorte de coñecer o Castelo, a Capela de San Miguel, o Pazo dos Duques, etc 

A continuación, baixamos a coñecer o centro da cidade, onde nos deixaron un anaco de tempo para mercar uns agasallos como lembranza desta marabillosa cidade.

Na Praza de Santiago rematou a nosa visita a Portugal. Gustounos moito, xa que aparte de disfrutar moito da viaxe, aprendemos moreas de cousas que non sabiamos e coñecemos lugares incribles.

Ás 20:45 chegamos a Vigo, rematando así a nosa saída cultural de fin de curso.

1º de ESO

Canal de 1º de ESO